Thursday 25 de April de 2024

A Xunta e Ecoembes colaboran no fomento da reciclaxe desde os albergues para contar cun Camiño seguro e sostible este Xacobeo 21-22


— A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe na presentación da campaña 2021 ‘Camiño da reciclaxe’

— Ángeles Vázquez salienta que esta campaña consolídase en Galicia e nesta edición esténdese aos albergues do Camiño Primitivo, para que o Ano Santo sexa o máis comprometido co medio ambiente

— A Xunta destaca a importancia de apostar por un Camiño seguro e sostible con albergues que contan con tódalas medidas anticovid e contribúen a impulsar o respeto polo médio ambiente

A Xunta e Ecoembes promoverán un ano máis a reciclaxe nos albergues do Camiño, nunha nova edición da campaña Camiño da Reciclaxe, coa que se pretende que este Xacobeo 21-22 se converta no máis comprometido coa reciclaxe e co medio ambiente.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe na presentación desta iniciativa pioneira que se puxo en marcha en 2016, á que tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; o director de xestión local e autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O proxecto chegará nesta edición a 174 ecoalbergues da comunidade, entre eles todos os da rede pública da Xunta nos Camiños Francés, Portugués, do Norte, Inglés, e tamén do Primitivo ao que se estende este ano a campaña. En total, participan no 400 albergues, xa que forman parte da iniciativa xunto con Galicia outras comunidades como Asturias, Castela e León, A Rioxa e Navarra.

Os 174 ecoalbergues galegos xa están equipados para fomentar a reciclaxe nas distintas rutas xacobeas con puntos de reciclaxe, así como kits con carteis didácticos, 71.600 bolsas reutilizables para entregar aos peregrinos evitar a basuraleza e Compostelas do Peregrino coas que acreditar aos camiñantes ecoperegrinos. Tamén se suman nesta edición 10 oficinas de turismo da comunidade, ás que se lle entregarán papeleiras para reciclar, carteis e un mapa cos establecementos adheridos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mostrouse satisfeita por manter unha edición máis esta iniciativa pioneira na Comunidade, que botou a andar no ano 2016 e que por primeira vez terá dúas anualidades; para conseguir que o Ano Xacobeo 2021-2022 sexa recordado como “o Ano Santo máis comprometido coa reciclaxe e o medio ambiente da súa historia”.
A conselleira agradeceu a Ecoembes a implicación e colaboración con esta iniciativa co fin de que o Camiño –como defende o lema da campaña -deixe pegada en ti, non ti nel, “un lema cheo de significado e de compromiso co medio ambiente”, declarou Ángeles Vázquez.

Defendeu que “a natureza pode subsistir sen as persoas, pero estas non poden subsistir sen a natureza”; polo que este proxecto medioambiental é unha oportunidade para evitar que o lixo acabe abandonado no Camiño de Santiago e para darlle unha segunda vida aos diferentes residuos de envases que se xeran ao longo desta ruta histórica e cultural.
Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou que os albergues e as oficinas de turismo son a mellor carta de presentación de Galicia aos peregrinos. Neste caso, engadiu que os 174 ecoalbergues e as 10 oficinas de turismo incorporadas á campaña serán tamén “os mellores aliados para fomentar a reciclaxe no Camiño e contar cada vez con máis ecoperegrinos”.

Nesta liña, incidiu en que facer o Camiño é unha experiencia segura e sostible que ofrece o que máis están a demandar os viaxeiros neste escenario postcovid ao contar un turismo tranquilo en espazos abertos e en contacto coa natureza. Por iso, sinalou a necesidade de impulsar o respeto polo medio ambiente tendo en conta que a natureza é o principal motivo polo que os turistas escollen Galicia para viaxar. Ademais, lembrou que a aposta da Xunta para consolidar a mensaxe de Galicia como destino seguro e sostible.